Aos 21 anos, Guerra civil
04
Aos 21 anos, Guerra civil
A experiencia da guerra, vivida en todas as súas dimensións, no terror represivo, despois na guerra mesma, na fronte, produciume un cambio de actitude íntima e naceume unha preocupación ou vocación filosófica.
A guerra influíu moito en min, porque influíu en todo o mundo, e a min por razón de idade. A miña xeración foi afectada polo feito da guerra na orde íntima, persoal. En primeiro lugar, polo choque tremendo. Porque na perspectiva dos rapaces daquel tempo non había a posibilidade de imaxinar unha guerra civil.
O feito mesmo da súa dureza xa foi un choque profundo, un trauma moral; e na orde íntima influíume no senso de que eu, daquela, polo entusiasmo galeguista e pola preocupación de colaborar no desenvolvemento de Galicia nun campo que me gustaba e que fora necesario, soñaba con ser lingüista, dedicarme á filoloxía e á lingüística para poder traballar no estudo e na normalización da nosa lingua.