II Xornadas Anuais de Pensamento Galego

Homenaxe a Ramón Piñeiro

O encontro celebrarase do 5 ao 7 de novembro cun programa que inclúe conferencias, unha exposición, a presentación dunha web e percorridos polos lugares vinculados á vida do pensador galego.

Lugo e Láncara acollerán do 5 ao 7 de novembro de 2026 as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas á figura de Ramón Piñeiro e á súa contribución ao pensamento, á filosofía e á lingua galega. A iniciativa reunirá a especialistas e investigadores nun programa que combina intervencións académicas, actividades culturais e percorridos por espazos relacionados coa vida do intelectual lucense.

As II Xornadas Anuais de Pensamento Galego están promovidas e organizadas por Egeria e Brandán Comunicación, contan co patrocinio da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, e coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Sociedade Interuniversitaria de Filosofía, a Biblioteca Provincial de Lugo, Editorial Galaxia, a familia de Ramón Piñeiro, o Centro Ramón Piñeiro, a Real Academia Galega, a Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga) e a Fundación Serget. A coordinación científica corresponde a Marcelino Agís Villaverde, Agustín Dosil Maceira, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Xulio Xiz Ramil.

Programa

As xornadas comezarán o xoves 5 de novembro, ás 17:00 horas, na Casa do Concello de Lugo, coa inauguración a cargo da alcaldesa, Elena Candia. Durante esta primeira sesión presentarase a exposición «Eu, Ramón Piñeiro» e a web ramonpineiro.gal. O programa continuará coas intervencións de Grial Parga, da familia de Ramón Piñeiro e Editorial Galaxia, que abordará a súa dimensión familiar; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, coa conferencia «Don Ramón, Académico»; Rocío Carolo Tosar, da ITC-Universidad Pontificia de Salamanca, que analizará a saudade no pensamento de Piñeiro; e Siro López Lorenzo, que falará sobre a súa faceta política.

A programación do venres 6 de novembro comezará ás 12:00 horas cunha actividade peripatética dirixida por Beatriz García Turnes, investigadora do Centro Ramón Piñeiro. O percorrido polo Lugo de Ramón Piñeiro permitirá achegarse a distintos lugares vinculados á súa traxectoria, como o instituto onde estudou, a rúa do Teatro, a rúa da Raíña, a estatua de Ánxel Fole, a casa familiar, o paseo da Muralla e a Praza Maior.

Ás 17:00 horas, a Casa do Concello de Lugo será novamente o escenario das sesións académicas. Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, intervirá coa conferencia «A metalinguaxe de Ramón Piñeiro». A continuación, Armando Requeixo, do Centro Ramón Piñeiro, falará sobre a vixencia e actualidade da súa figura; Miguel Ángel Martínez Quintanar, da Universidade de Santiago de Compostela e do IES Ánxel Fole, abordará a «Saudade de Ramón Piñeiro»; e Beatriz García Turnes analizará a relación entre Ramón Piñeiro e a lingua galega a través da cuestión do seu status.

A xornada do venres completarase coa presentación do libro Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e lingua, que recolle as intervencións das primeiras Xornadas Anuais de Pensamento Galego, celebradas en Santiago de Compostela e Lugo os días 23 e 24 de outubro de 2025. A clausura correrá a cargo de Marcelino Agís Villaverde, catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia «Ramón Piñeiro, filósofo».

O sábado 7 de novembro, ás 12:00 horas, as actividades trasladaranse a Láncara, onde se celebrará un percorrido polos lugares vinculados á vida de Ramón Piñeiro. A visita, guiada por Agustín Dosil Maceira, incluirá a residencia de A Veiga, o CEIP, o busto, a casa natal e a escola.

Descargar folleto das Xornadas (PDF)