Os amigos
06
Os amigos
Na loita polo poder, evidentemente que se crean amigos e inimigos. Eu tiven a sorte de que actuei na etapa na que se creaban sobre todo amigos.
Teño moitos amigos, dentro e fóra de Galicia. É a cousa na que son máis rico, na cantidade de amigos que teño polo mundo, en diversos países, e desde logo estou moi contento porque niso a vida foime moi grata, moi xenerosa.
Para ser meu amigo, non hai un canon prefixado: ter afinidades humanas e espirituais que permiten unha comunicación íntima e profunda, unha confianza mutua. Isto é máis fácil cando convives no mesmo campo de intereses culturais, de ideais, de intereses morais…
Inimigos, propiamente, non creo telos. Adversarios ideolóxicos, xente que milita en campos distintos e que fai críticas… pero non inimigos. Realmente eu non coñezo ninguén que corresponda en negativo ao amigo. A verdade, non os coñezo.
Cando a política que se fai é unha política na adversidade, os que actúan son xente que é capaz de sacrificar cousas persoais por un ideal, que é capaz de arrostrar sacrificios e asumilos; ten unha predisposición moral á solidariedade, á amizade, á fraternidade… Unha política puramente reivindicativa, de ideais nunha situación adversa, crea unha solidariedade que é necesaria, que é vital, para poder facer, para poder actuar.
Nese senso, a política produciume moitos amigos, e os amigos daqueles tempos seguen sendo amigos actualmente.
Pero é distinto cando actúas na política coa belixerancia de partido ou loitas polo poder. Non loitas tanto pola reivindicación duns dereitos, como polo poder para realizar uns obxectivos.