Intelectual ou político
07
Intelectual ou político
Pola responsabilidade da defensa dos dereitos de Galicia, compartida por un pequeno grupo, pero vivida moi intensamente, non había exilio, había un campo de batalla.
O de militante político -cun predominio da acción política como obxectivo permanente e apremiante- vivino na clandestinidade. Daquela había que facelo, porque había pouca xente disposta a correr riscos, e uns cantos que tiñamos conciencia do noso deber, de reivindicar os dereitos de Galicia, que estaban unidos á democracia, asumímolos… Nesa etapa si que tiña unha actividade, unha actitude e unha conciencia de responsabilidade política permanente.
Pero fóra desa etapa, teño ideais políticos pero non militancia política. É dicir: A visión política téñoa en canto a unha idea de Galicia, e un ideal ao servizo de Galicia, pero non unha militancia belixerante, por exemplo partidista; unha militancia de confrontación.
O exilio interior sería unha propensión temporalmente miña: refuxiarme no mundo interior e na filosofía, porque xa se me espertara a vocación.