1950: Galaxia
10
1950: Galaxia
Todos eran recursos simbólicos para poder iniciar unha presencia pública en Galicia que renovase, avivase, espertase a conciencia e o sentir galego.
Fundamos Galaxia un grupo de superviventes da Guerra Civil, convencidos de que a pura actuación clandestina non ía producir o cambio de réxime necesario para Galicia, e recobrar a liberdade política.
Decidimos continuar o labor clandestino de contacto coa oposición, sabendo que iso non bastaba. Era necesario actuar publicamente, había novas xeracións que non sabían nada de Galicia, que xa non tiñan contacto co noso pasado cultural, e era necesario tomar contacto con eles, pero non se podía facer politicamente, xa que había un rigor represivo moi duro….
Ideamos que a única forma de contacto público coas novas xeracións e co País era creando unha empresa comercial, que dese cobertura legal á publicación de libros… E por medio dos libros unir a tódolos superviventes da Guerra Civil, que estaban cada un no seu pobo, e reconstruír unha presenza pública do galeguismo, non manifestado politicamente, senón culturalmente.
A primeira publicación que fixo Galaxia foi o simbólico caderno colectivo, “Presencia de Galicia”… E a unha colección chamámoslle Grial, como alusión á vinculación cultural de Galicia con Europa.