A Saudade

11

A Saudade

Dáme cousa non ter rematado o libro da saudade; non ter desenvolto todo o que eu cría que podía explicar, a visión filosófica da saudade, que podía explicar a personalidade galega.

Os meus traballos sobre a saudade foron o comezo. Pretendía facer un libro de antropoloxía cultural galega, ou unha antropoloxía filosófica da saudade e da personalidade galega colectiva, polo que estes eran uns cantos ensaios. Faltaban outros tres ou catro para completar o ciclo, pero nunca o puiden facer precisamente por dedicarme a moitas cousas urxentes, apremiantes. Ao ter pouca capacidade para negarme, un vai adquirindo compromisos.

Pertenzo a bastantes entidades que había que axudar a impulsar ou organizar. E en canto ás actividades políticas deses anos, había que estar na fronte da loita política, e había que atender aos rapaces, ás xeracións novas que ían chegando. Como había poucas persoas a quen acudir, acudían a nós, ás poucas persoas que había…

A verdade é que non tiven tempo. É unha frustración que teño a de non ter rematado o libro.

Agora, uns amigos tiveron a idea de reunir aqueles ensaios nun libriño. E ao lelos para corrixir as probas, todos xuntos, quedei sorprendido porque xa os tiña esquecidos.